TRADUCIÓN
XURADA


TRADUTOR XURADO
A responsabilidade do tradutor é dar fe do contido do texto traducido.

Unha tradución xurada é aquela realizada dunha lingua estranxeira ao castelán, e viceversa, por un tradutor-intérprete xurado, un título que outorga o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. Esta figura é a única que pode realizar este tipo de traballos. Os tradutores xurados só poden certificar as traducións realizadas no par de linguas para o cal estean acreditados.
A tradución xurada adóitase esixir sobre todo no eido dos organismos públicos e da administración como, por exemplo, en ministerios, en xulgados, en institucións académicas, en departamentos administrativos, etc.
Para que unha tradución xurada se considere como tal, deberá contar coa certificación estándar que se establece no BOE, así como co selo e coa firma do tradutor xurado responsable. Deste xeito, estas traducións pasan a ser documentos oficiais, é dicir, teñen a mesma validez que o documento orixinal. O obxecto da dita certificación é que o tradutor xurado dea fe de que a tradución que realizou contén unha reprodución fiel do documento orixinal noutro idioma.
Unha das principais particularidades deste tipo de documentos viuse modificada recentemente: o seu soporte. Ata hai pouco, o único soporte válido era o soporte físico en calquera das súas formas (é dicir, papel), se ben non era necesaria a súa presentación en papel timbrado. Na actualidade, acéptanse traducións xuradas en formato dixital, sempre que conteñan a firma dixital do tradutor ou da tradutora.
