INTERPRETACIÓN

Non obstante, os servizos de interpretación non se limitan de maneira exclusiva aos intercambios comerciais, senón que se poden empregar en múltiples situacións: cando hai que realizar trámites en dependencias policiais ou xudiciais e non se fala o idioma do lugar, para acudir ao médico no estranxeiro, en reunións formais e informais, así como en congresos e conferencias onde os participantes falan distintos idiomas, entre outras.

En función do contexto no que se vaia establecer a dita comunicación, existen distintos tipos de interpretación, que se axustan ás particularidades de cada un.

A interpretación simultánea é a que se utiliza en relatorios e conferencias, pero tamén nas visitas de persoeiros estranxeiros a programas de televisión. Nesta modalidade, o intérprete sitúase en cabinas adaptadas con sistemas de son que lle permiten escoitar, sen ningún tipo de interrupción, a mensaxe do orador e reproducila, a través dun micrófono, no seu idioma materno, namentres o orador continúa co seu discurso.

A interpretación consecutiva resulta ideal para todo tipo de reunións. Nestas, o intérprete vai tomando notas do que conta o orador e, así que este remata, constrúe un discurso completo e fiel ás palabras orixinais no idioma dos demais interlocutores. Un exemplo moi claro deste tipo de interpretación podémolo ver nas roldas de prensa, nas que o intérprete senta a carón do orador para transmitir, respectivamente, as preguntas e as respostas do público e do entrevistado.

Pola súa banda, na interpretación de enlace, o intérprete acompaña a persoa que o precise para que poida comunicarse coa xente do seu arredor. Pensemos, por exemplo, nunha persoa enferma que acode a un hospital nun lugar onde se fala unha lingua que non domina. Nesa situación, o intérprete actuará como enlace entre o paciente e o persoal sanitario para que poidan comunicarse sen lugar a equívocos.

Por último, o chouchotage (ou interpretación de murmurio) resérvase para contextos máis informais e nos que existe un número reducido de persoas. Neste caso, o intérprete murmúralle ao seu cliente a mensaxe do outro interlocutor no seu idioma para favorecer unha comunicación fluída entre as persoas que participan na conversa.


O tipo de interpretación empregado vén determinado polo contexto no que se vaia desenvolver cada comunicación.