

Achégase a noite do 31 de outubro e, con ela, as cidades convértense nunha marea laranxa e negra. Todo o mundo prepara os seus disfraces, as súas cabazas, os seus doces; tódolos escaparates inúndanse de criaturas arrepiantes e decorados aterradores; a noite que chega de forma prematura nesta época do ano envolve todo nun halo de misterio, pero, á vez, de emoción. Halloween, chámanlle.
Halloween, palabra de orixe inglesa que provén de All Hallows Eve (véspera de Tódolos Santos), chegou hai anos ao noso país coa intención de quedar, pero quizais non contaba con atoparse aquí, en Galicia, coa súa irmá maior, Samaín.
Samaín é unha festividade celta que existe xa desde antes da chegada do cristianismo e que forma parte das tradicións galegas máis antigas. A palabra Samaín (ou a súa versión gaélica, Samhain) significa «fin do verán» e, tal e como ela mesma indica, celebra o paso do verán ao inverno, ademais de simbolizar o inicio dun ano novo no calendario celta.
Aínda que hai uns anos esta festividade estaba relegada unicamente a zonas rurais moi concretas, nos últimos tempos, Samaín está recuperando o sitio que lle corresponde na nosa cultura; cada vez son máis os que defenden o seu valor fronte á famosa festividade estadounidense. Elementos coma as cabazas ou os esqueletos e figuras coma a Santa Compaña xa roldaban as nosas terras moito antes da chegada de Halloween, que se mesturou coas nosas raíces e distorceu a nosa percepción desta celebración, ata o punto de que esquecemos vela como propia. E vós, que ides celebrar? Halloween ou Samaín? Unha cousa está clara: esta noite, o veo que separa o mundo dos mortos e o dos vivos semella tornarse máis fino. Así que, coidado…
María
Traductora de Globalingua